A norma que regula o uso e promoción do galego –que está a ser elaborado pola Consellaría de Educación– substituirá o aprobado polo bipartito. Cómpre lembrar que Feixóo se comprometera a derrogalo antes de gañar as eleccións do 1 de marzo.
A decisión de anular o documento do anterior Goberno –de acordo co programa co que o PPdeG concorreu ás pasadas eleccións autonómicas– espertou as críticas
da oposición, da comunidade educativa e de gran parte da sociedade. O pasado 18 de outubro unhas 100.000 persoas segundo a organización –50.000 segundo as forzas de seguridade– botábanse á rúa contra a política lingüística da Xunta e en defensa do galego.O presidente da Xunta declarou repetidamente que o novo decreto estará en vigor para o próximo curso e en que consultará sobre o seu contido cos actores implicados antes da súa aprobación definitiva, algo que non fixo até o de agora.
O decreto do bipartito insta a que os centros de ensino impartan como mínimo 50 por cento das materias en galego, porcentaxe que non se está a cumprir. A plataforma cidadá Queremos Galego ten alertado de que ante o anuncio da modificación da norma se está a xerar un incumprimento xeneralizado dun decreto que permanece vixente
.A Mesa pola Normalización Lingüística xa lle advertiu á Xunta de que “calquera proposta que vaia por debaixo do 50 por cento de docencia no idioma propio do país será nula de pleno dereito, xa que vulnerará a Lei de Normalización Lingüística”
“Un equilibrio entre o galego e o castelán e unha terceira lingua”. Este é “obxectivo final” do polémico borrador de decreto da lingua no ensino que presentou o presidente da Xunta a última hora en Santiago.
É “obxectivo final” porque o propio Goberno admite que non está en condicións de cumprilo, pois non hai profesores abondo para dar tantas clases en inglés. É máis, o conselleiro de Educación non se atreve nin a fixar un prazo de cando se poderá aplicar plenamente. Iso si, mentres forma profesores en linguas estranxeiras, o Executivo promete que galego e castelán terán as mesmas horas.
Con todo, serán os pais quen decidan que materias prefiren en galego e cales en castelán, sempre garantindo a igualdade no número de horas entre os idiomas oficiais.
Isto aplicarase a todos os cursos salvo Primaria. Os máis cativos aprenderán a ler na lingua que decidan a maioría dos pais no sobre de matrícula, pero a consellaría de Educación promete que se garantirá sempre o coñecemento da outra lingua.
O conselleiro de Educación negouse a estimar un prazo de cando a Xunta poderá cumprir co 33% de horas en inglés. Preguntado que sentido ten que a Xunta aprobe un decreto que non está en condicións de cumprir, Xesúz Vázquez argumentou que “o papel do Goberno é gobernar”.
Tanto Vázquez como Alberte Nuñez Feixóo teimaron en que o texto vixente “abría a porta ao monolingüismo” e a imposición do idioma. Porén, a súa nova norma é a do “pluriligüismo” e a liberdade (!!!!!!)
O texto adiantado a piques de rematar o prazo fixado polo Presidente substituirá a norma vixente, aprobada polo bipartito co respaldo da práctica totalidade de asocacións de pais, profesores e alumnos. O Decreto actual fixa nun 50% o mínimo de clases en galego.
O Goberno promete que en Educación Infantil, o profesorado usará na aula a lingua predominante entre o alumnado e coidará que adquira o coñecemento da outra lingua oficial de Galicia. Iso si, as lingua predominante do alumnado determinarase preguntándolle a cada familia pola lingua materna do seu fillo ou filla. Esta consulta farase mediante unha pregunta que as familias contestarán anualmente durante o proceso de preinscripción, explica un comunicado da Xunta.
Cómpre ter en conta que Galicia Bilingüe, a organización contraria a normalización, lanzou unha campaña para recordarlle a Feixóo a súa promesa electoral de que os pais escollesen lingua vehicular no sobre das matrículas.
Na Educación Primaria, na ESO e no Bacharelato “garantirase a adquisición da competencia lingüística nas dúas linguas oficiais de Galicia e potenciarase a adquisición dunha competencia efectiva en lingua(s) estranxeira(s), principalmente en inglés”.
Os conservadores aspiran a que un terzo das horas semanais se oferte en galego e outro terzo en castelán. “Prevese que o terzo restante se poida impartir en lingua(s) estranxeira(s)”, indica o Goberno ante a falta de profesores que hoxe falen esta lingua. O Executivo asegura que “na medida en que os centros non dispoñan de recursos humanos para ofertar un terzo das horas en lingua estranxeira, estas distribuiranse de forma equilibrada nas dúas linguas oficiais”.
Referendo nas escolas cada catro anos
Como decidirán os pais as materias que prefiren en galego e castelán? A Xunta promete que “para a definición da distribución lingüística das materiais nestas etapas (Primaria, ESO e Bacharelato) terase en conta a opinión que expresen as familias a través dunha consulta que se realizará cada catro anos e que orientará a repartición horaria”.
Xesús Vázquez asegura que non se lle preguntará aos pais por outras cuestións que non sexan a lingua. Ademais, o conselleiro cre que isto non vulnera a recente sentenza do Supremo, contraria a que os pais escollan a lingua nas aulas.
A Xunta indica que en Primaria, que ten 25 horas semanais, “a opinión maioritaria das familias será vinculante para determinar a lingua vehicular das materias instrumentais –Coñecemento do Medio e Matemáticas– (ata 10 horas semanais), que serán unha en galego e outra en castelán”.
Na ESO, que conta con 32 horas semanais, as familias decidirán en que lingua oficial se imparten as materias de Ciencias Sociais e Matemáticas, que suman ata sete horas semanais. No resto das materias, “será o Consello Escolar quen aprobe unha proposta horaria equilibrada, tendo en conta a opinión das familias”.
Educación!! Faga o favor de poñer en marcha as solucións antes de introducir o inglés!! Non faga as cousas do revés!!
Mais isto non acaba aquí. Agora resulta que pretenden converter as aulas de Infantil, Primaria e Secundaria en auténticas urnas de votación. Os nosos nenos acudirán ao colexio como se houbese eleccións. Os nosos pequechos aprenderán que significa facer política con tan só 5 anos (ou menos). Que sorte!! Os pais ou os alumnos poderán elixir a lingua de certas materias! Como mola! Fóra imposición! (Modo retranca ON).
Non nos enganemos! O simple enleo inicial que poidan xerar estes famosos referendos e que se celebrarán non unha vez na vida, senón cada ano e cada catro anos converterase nun auténtico caos pasado un tempo. Como pensan levar á práctica todo isto? Isto é, se un alumno elixe matemáticas en galego e coñecemento do medio en castelán e outro prefire as matemáticas en castelán e o coñecemento do medio en galego, serán separados por aulas ou permanecerán os dous xuntiños en amor e compaña? Se permanecen os dous xuntiños, en que lingua se dirixirá o profesor en cada materia? Terá que empregar as dúas por existir na mesma aula alumnos que elixiron a mesma materia en linguas diferentes? Ou mellor dito acabarase impoñendo a lingua dominante en cada aula? E se se impón a lingua dominante é iso a democracia e a “liberdade” tan proclamadas e defendidas polo Goberno actual? Quen sairá gañando? Nas cidades e vilas medias, desde logo as aulas acabarán realizándose na lingua que domine e nestes lugares é o castelán! Onde está Galicia Bilingüe para esixir que aqueles que elixiron o galego ou aqueles que falan galego reciban tamén a súa educación en galego? Ou non será que a GB lle importa ben pouco a realidade que terán que vivir os galegofalantes?
Quen solucionará o enorme problema que van supoñer estes referendos? Estará aí o salvador da “imposición”, o noso Xesús Vázquez, para botar unha man en cada inicio de curso, ou recaerá todo este enleo nos centos e centos de directores, xefes de estudos e nos milleiros e milleiros de mestres / profesores?
Os comezos de curso xa resultan, de por si, bastante caóticos como para agora sumar máis problemas e lerias aos traballadores de turno, non é? Se os referendos se chegan a realizar, o persoal docente e administrativo debería pedir un aumento notable do salario pola grande cantidade de horas e esforzo que van ter que gastar tentando facer encaixar esta nova realidade. Como sempre os traballos e decretos chafalleiros de Educación teranos que comer con patacas fritidas os mesmos personaxes que sofren cada ano coa volta ás clases. No canto de facerlles o traballo máis soportable, Educación parece que ten a teima continuada de facerlles a vida imposíbel!!!
Se nos paramos a pensar en que todos estes enleos acontecen e acontecerán pola teima do Goberno do PP de diminuír a porcentaxe do galego no ensino (por que había e hai imposición!!!!!) é realmente para botarse a chorar ou para montar unha festa dependendo do humor que cada un teña.
Mais por favor, NON ENGANEN A SOCIEDADE, QUE FINALMENTE SE ACABA DECATANDO!!











